Sunday 28 de April de 2024

O Alcalde de Fene no Galician Offshore International HUB: “Non renunciamos á construción naval”


Juventino Trigo foi invitado á sesión inaugural do Galician Offshore International HUB celebrado onte no CIS da Cabana, organizado por ASIME, NAVANTIA e a Xunta de Galiza

Nunha breve intervención na que deu a ben vinda ás persoas participantes na xornada, aproveitou a presenza de representantes da Xunta, do goberno do estado, e de directivos de Navantia para poñer sobre a mesa as necesidades da comarca.

Comezou por referirse á transición enerxética e ao modelo de desenvolvemento eólico, “Queremos unha eólica sustentable e con proxectos industriais que xeren riqueza e emprego na zona que se asentan”, en clara referencia á falta de planificación do actual modelo que non so non atrae proxectos industriais senón que é incapaz de reter empresas como SIEMENS-GAMESA ou VESTAS.

E continuou, “Mais esta aposta pola eólica non nos fai perder de vista que sabemos facer barcos. Non renunciamos á construción naval, sector estratéxico polo emprego que xera coma pola demanda de bens de equipo e sistemas tecnoloxicamente moi avanzados”. Juventino poñía así o foco sobre as grandes diferencias entre a construción naval e as actividades que actualmente se desenvolven nas instalacións de Navantia-Fene, sinalando directamente o problema do emprego na nosa comarca, así como cal debe ser o camiño a futuro: a aposta por actividades tecnoloxicamente avanzadas.

Incidindo na importancia disto último reclamou que “a Unidade Mixta de Investigación deixe de ser un programa temporal, con períodos en stand-by, e pase a converterse no máis que demandado Centro Tecnolóxico da construción naval con carácter permanente”.